Reservei un espazo no Autoxiro para contar algunha que outra experiencia viaxeira. Non serán crónicas nin consellos prácticos. Prefiro falar de situacións pouco convencionais, lugares cargados de simbolismo ou momentos que lembro dun xeito especial.

En algunhas viaxes empregamos a formula de (1) escoller un destino, (2) mercar un billete de avión e (3) improvisar. Un formato emocionante pero pouco recomendable se es una persoa que precisa ter todo baixo control. Esta falta de planificación provoca que deixes de coñecer moitas cousas dos lugares que visitas pero tamén permite vivir grandes momentos amplificados polo factor sorpresa.

Fai uns anos decidimos dar unha volta pola costa de Croacia. Nada máis chegar lamentamos non ter prestado algo de atención aos horarios de “ferries” e catamaráns e ao grado de masificación dalgún lugar. En consecuencia, pasamos varias noites sen atopar aloxamento. Os nosos ósos acabaron tirados na cuberta dun barco, no atrio dunha ermida, no banco dun paseo marítimo e nun parque sobre o Adriático. Non era a primeira vez que pasábamos por esta incomoda e potencialmente perigosa situación e sabíamos que era un dos prezos a pagar por viaxar desta maneira. Nestes casos, o recomendable é non lamentarse e aplicar o dito de “malo será”.

En contrapartida polas malas noites (realmente unhas poucas horas), pola dor de costas e polos mordiscos dalgún becho puidemos desfrutar duns amenceres máxicos que quedaron gravados para sempre na miña memoria. Madrugadoras e silenciosas estampas de Split, Hvar, Korcula ou Dubrovnik dende emprazamentos que nunca atoparedes nunha guía no apartado “onde durmir”.

Se non organizades minimamente a viaxe podedes rematar durmindo en sitios como estes:

Hvar

No atrio dunha ermida na ladeira dun monte.

Ferrie Split

Na cuberta dun barco navegando polo Adriático entre Ancona e Split. Nós durmimos no chan pero coincidimos con xente moito máis experimentada.

korcula

Na Illa de Korcula o albergue estaba ata os topes. Apenas durmimos pero “acampamos” unhas horas neste banco.

Con algo menos de ruído e vibracións, a cuberta do barco sería un lugar agradábel para durmir. Os outros son horribles. Un problema engadido é que sempre chegamos coa noite avanzada de modo que ata o amencer non teríamos a certeza do que nos rodeaba. Saíu o sol e, en canto asomamos a cabeza polo saco,  atopamos estas catro magníficas vistas.

spit

1. Despois de pasar a noite navegando polo Adriático avistamos a cidade de Split e a torre do famoso “Pazo de Diocleciano”

hvar

2. Amencer en Harv coas illas Pakleni de fondo. Sen palabras.

amanecer korcula

3. Ás cinco da mañá xa era de día en Korcula. O fermoso perfil desta vila e a proximidade do mar axudaron a esquecer a mala noite pasada.

dubrovnik

4. En Dubrovnik gozamos de case as mesmas vistas que o Adriatic Luxury Hotel Grand Villa Argentina pero moito máis incómodas e baratas.

Conclusión: Unha viaxe é unha ocasión perfecta para sacar sempre algo positivo de cada situación. Cando atopes un imprevisto, reláxate e non permitas que o agobio ou mal humor impidan disfrutar da maxia que agocha unha flor, unha posta de sol, unha conversa e, neste caso, un amencer.

P.D. Como nos anuncios, estas escenas foron rodadas por “profesionais” en situación controlada e formaban parte dunha viaxe “experimental”. Non intente durmir ao aire libre nun país descoñecido sen ser plenamente consciente dos riscos que asume. Recomendamos pasar a noite en aloxamentos de confianza para asegurar unha boa experiencia evitando perigos innecesarios. De paso, contribuirá ao mantemento da economía local e a mellora da calidade de vida dos seus habitantes.

Xirado dende Ourense.