Esta entrada é un exemplo de como podemos empregar twitter para xerar conversación, atraer clientes, difundir os nosos produtos e conseguir ventas. Non é moi orixinal nin novedosa para os usuarios habituados pero pode axudar ás persoas que din non atopar a utilidade desta rede social.

O venres pasado estaba por Cangas do Morrazo disposto a percorrer a IV Feira da Tapa despois dunha tarde de praia. Como fago habitualmente escribín un tuit informando da miña presencia na zona e das miñas intencións. (Así, foto torcida incluída.)

Atá aquí todo normal e aburrido.  Son consciente de que o que faga ou a onde vaía non lle importa a ninguén pero ás veces aparece un dos “milagres” máis marabilloso que ofrece twitter: a interacción. O amigo Alberto Garnil respondeu cunha recomendación para visitar un dos 43 establecementos participantes no evento. Esta suxerencia espertou a miña curiosidade e trasladei a mensaxe ao grupo que quedou encantado de ter un criteiro para decidir entre tanta oferta.  De seguido entrou outro tuit dunha traballadora do local en cuestión, Artemar Tenda, indicando a súa localización e adxuntado unha foto da súa tapa.  A partir dese momento a visita e degustación eran obrigadas.

Esa noite non foi posible pois estaba todo completo pero voltamos ao día seguínte. Eramos un grupo de sete persoas. Evidentemente, tamén o comentei en twitter, previa localización en Foursquare, e subín a imaxe da tapa a Instagram.

A tapa estaba moi rica e gustoume tanto o local como o trato que recibimos. A conversa continuou con Lucía interesándose polo resultado da  experiencia. Contestei positivamamente e indiquei a miña intención de repetir. Xa dende o “perfil corporativo” agradeceron a visita emprazándonos a voltar cando regresemos por Cangas.

Ata aquí o exemplo de como un simple tuit conseguíu atraer clientela a un local, xerar conversación nas redes e, sobre todo, vendas. Así de simple e así de complicado. O tuit apareceu no lugar e momento adecuado debido a que a empresa tiña presencia nesta canle e unha traballadora estaba atenta reaccionando ante unha mención. Evidentemente este “gancho” non tería servido para nada sin o excelente produto e trato que posteriormente recibimos.

Esta é a historia dun tuit “de éxito” contado en primeira persoa. Un exemplo gráfico de como twitter pode axudar a un negocio a atraer clientes que mesmo se convirten en prescritores. Remato cunha imaxe dos productos de Conservar Artemar que tamén mercamos na visita e recomendo. Innovadores, ben presentados, artesanais, galegos e ricos.

artemar

Seguro que moitos pasastes por experiencias similares. Anímaste a compartir algunha?

Twitter é un aliado para o teu negocio si, coma tantas outras cousas, sabes como empregalo.