Vacacións con Traballo 2013. Cooperación, Voluntariado e Turismo en Nicaragua.
“Vacacións con traballo” é un programa de voluntariado internacional dirixido ao persoal das administracións locais e provinciais que forman parte do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade. Este ano acadou a oitava edición ofertando a posibilidade de participar en dous proxectos. Unha praza para un técnico de turismo en Nicaragua e outra de técnico en igualdade en Cabo Verde.
Coñecía o programa a través de outros compañeiros que estiveran tanto en Nicaragua como en Cabo Verde pero nunca me animara a participar. Nesta ocasión enviei a solicitude e carta de motivación e, tras unhas semanas de espera, fun seleccionado. Por este motivo pasarei o meu mes de vacacións en Nicaragua. Aloxareime nunha casa cunha familia local na cidade de Somoto pertencente ao departamento de Madriz. O proxecto está liderado polo Instituto de Promoción Humana. Somoto, o organismo non gubernamental máis antigo de Nicaragua fundando en 1960. Irei contando os preparativos da viaxe e sobre todo a experiencia sobre o terreo tal e como fixeron outros participantes como Diego Sánchez no ano 2011 e Lucía González no 2012.
Un dos meus compromisos é o de colaborar na difusión das actividades do proxecto e compartir na rede a esta experiencia. A miña intención é contar a través do Autoxiro e de outras plataformas como Facebook ou Twitter tódolos detalles desta aventura nicaraguense. Aínda non teño o plan de traballo pero agardo que boa parte das actividades estén relacionas coa comunidade de San José de Palmira en Totogalpa. Unha iniciativa que tiña como finalidade o asentamento de familias sin vivenda a través da autoconstrución e que busca no turismo un medio para o desenvolvemento comunitario e a diversificación da economía local basada na agricultura de subsistencia.

Totogalpa, Indigena, Cultural y Aventurera. Lema do proxecto de turismo comunitario do INPRHU Somoto. Fotografía de Lucia González
No seguínte video podemos ver a proposta de Palmira Ecóloxica e os frutos dun proxecto do que formarei parte en outubro.
Nas próximas semanas toca recompilar información sobre Nicaragua, sobre modelos de turismo comunitario e novos detalles do proxecto. Agardo contar moitas cousas tanto do proxecto como dos preparativos e as sensacións que me asalten a medida que se aproxime o día de partir rumbo a América.
(Xirado dende Ourense)
Pingback: Comezan as miñas “vacacións con traballo” en Nicaragua | Vacacións con Traballo