Turismo en tempos de Coronavirus
Xa hai máis dun ano que comezou o primeiro confinamento total en España tras o inicio da pandemia mundial da Covid-19. Un ano de restricións intermitentes segundo as olas da enfermidade ían avanzando. Ante esta situación, un dos sectores que se viu totalmente afectado e incluso paralizado nalgúns momentos foi o do turismo. Tras un ano de incertidume, os expertos seguen analizando que pasará a partir de agora.
Que pasará tras a pandemia?
O que se preguntan agora os expertos é, que pasará co turismo despois do Coronavirus? Ou como será a forma de viaxar tras esta pandemia? As opinións respecto diso, como é de esperar ante unha situación de incerteza, son variadas. Algúns afirman que os comportamentos dos individuos aínda non cambiaron e seguirán querendo viaxar a outros lugares, pero iso si, sendo máis cautelosos. Estes terán que percibir unha maior seguridade con cambios físicos reais que os convenzan diso. Outros analistas comentan que aínda é pronto para facer predicións porque non sabemos cando ou como pasará a pandemia, pero terán que darse unha serie de factores que animen á poboación a viaxar de novo: baixada de prezos (tanto en hoteis como compañías aéreas, con avións talvez máis baleiros) e moita limpeza, ou polo menos medidas visibles que induzan á confianza dos turistas.
Que medidas están a tomar os destinos turísticos?
Varios destinos españois xa están a elaborar plans para impulsar o turismo tras o Coronavirus. Exemplo diso é Sevilla, que reprogramou o seu calendario cultural, tentando nunha primeira fase recuperar o mercado nacional e europeo. Cataluña apostou tamén en primeiro lugar por un turismo de proximidade, impulsando o turismo local. No caso de Galicia, creouse unha acción máis inmediata, visitar monumentos desde casa. A Consellería de Cultura e Turismo de Galicia puxo en marcha un proxecto que permite achegar de forma virtual o destino aos viaxeiros: “Galicia na túa casa”, un recurso dende o que se poden realizar visitas e percorridos en 360º no cinco catedrais galegas, así como en múltiples mosteiros e museos de toda a comunidade. É bo comentar que a gamificación e novas tecnoloxías como a realidade aumentada ou virtual, moitas veces son usadas vía ordenador ou dispositivos móbiles co obxectivo de incentivar unha futura visita dese usuario. É un modo de achegar Galicia e espertar o interese en coñecela cando toda esta situación se normalice. Ademais, no momento actual está a traballar nun bono turístico para os propios galegos, #QuedamosEnGalicia, fomentando así o turismo interno.
E tras facer esta pequena reflexión, que opinas ti? Cales son os teus plans turísticos a curto e medio prazo? Quedan uns días para Semana Santa, que tipo de turismo vas practicar? Gustaríanos coñecer máis opinións respecto diso.
Foto de portada: “https://objetivocastillalamancha.es”