O 25 de setembro de 2015 a Asamblea Xeral da ONU adoptaba un conxunto de obxectivos globais para erradicar a pobreza, protexer o planeta e asegurar a prosperidade para todos e todas. Estas medidas forman parte dunha nova axenda de desenvolvemento sostible que se concreta en 17 obxectivos (ODS) e marca un horizonte temporal de cumprimento para 2030.

As relacións entre os ODS e o turismo son moi fortes e considérase un sector clave de cara á culminación da axenda 2030. Ban Ki-Moon, Secretario Xeral das Nacións Unidas no momento da sinatura dos ODS afirmaba que “O aproveitamento dos beneficios que reporta o turismo será fundamental para lograr os ODS e facer realidade a axenda para o desenvolvemento despois de 2015”.

Os diferentes gobernos están integrando a axenda 2030 nas súas políticas de modo que nos atopamos  nun momento de cambio que supón un reto para o conxunto da sociedade pero tamén unha oportunidade para acadar un modelo de turismo sostible.

Por ese motivo debemos estudiar con detalle os ODS para adaptalos aos programas de desenvolvemento e xestión do turismo tanto a nivel de destinos turísticos como nas empresas.

Para o coñecemento dos 17 obxectivos así como das súas metas e indicadores podemos consultar a páxina web da ONU.  Un portal con multitude de información sobre os antecedentes, novas relacionadas e incluso unha “guía dos lacazáns para salvar o mundo”. Todo o que precisamos para empaparnos en detalle dos ODS e da Axenda 2030.

turismo sostible ODS autoxiro

Outra referencia de interese é a web da campaña SDG Action Campaign. Unha iniciativa que  procura ser “un punto de partida universal” para crear conciencia sobre a Axenda 2030, empoderar e inspirar a persoas de todo o mundo e xerar vontade política para acadar os Obxetivos. Un lugar de referencia para coñecer tanto o alcance dos ODS como a súa interpretación e ao longo o mundo.

España está implicada na consecución dos ODS dende o primeiro momento e en xullo de 2018 aprobou o “Plan de Acción para la implementación de la Agenda 2030”. Este plan presenta a Axenda 2030 como un “proxecto de país” e entre as suas medidas transformadoras fala de situala no centro da identidade de España no mundo.

A pesar de todo o traballo executado dende o 2015 non foi ata finais de 2019 e principios de 2020 cando os ODS acadaron unha importante dimensión mediática.  O pin do círculo multicolor omnipresente nas solapas dos cargos políticos é o símbolo distintivo e comprobamos como os pictogramas dos ODS están presentes en calquera evento. A nivel político a Axenda 2030 acadou un rango vicepresidencial dentro da estructura do goberno de España.

Dentro do proceso de coordinación e adaptación normativa, en Galicia foi creada a “Comisión interdepartamental para o seguimento da Axenda 2030” a través do decreto 142/2019, do 31 de outubro. Este decreto recoñece que a consecución dos ODS na Comunidade Autónoma de Galicia debe ser a meta de todas as administracións públicas galegas, os axentes sociais e económicos e da cidadanía galega no seu conxunto.

As fortes relacións entre a Axenda 20230 e o turismo poidéronse apreciar na recente feira FITUR. Os ODS acadaron moito protagonismo en stands, eventos e presentacións e comprobamos, aparte do pin e fotos de perfil, que serán o marco de referencia para o conxunto de políticas públicas e obxectivos empresariais dos próximos anos.

Aínda que os ODS deben de abordarse na súa integridade e todos teñen relación coa industria turística atopamos tres ( 8, 12 e 14) que fan referencia explícita ao turismo. Respectivamente, o desenvolvemento económico inclusivo e sostible, a produción e o consumo sostible e o uso sostible dos océanos e os recursos mariños.

 

O Obxectivo 8 promove o crecemento económico sostido, inclusivo e sostible, o emprego pleno e productivo e o traballo decente para todos. Segundo a meta 8.9 para 2030 hai que elaborar e poñer en práctica políticas encamiñadas a promover un turismo sostible que cree postos de traballo e promova a cultura e os produtos locais.

 

 

O Obxectivo 12 ten como fin garantir modalidades de consumo e produción sostibles. Inclue a meta 12.b: elaborar e aplicar instrumentos para vixiar os efectos no desenvolvemento sostible, a fin de lograr un turismo sostible que cree postos de traballo e promova a cultura e os produtos locais.

 

 

O Obxectivo 14 céntrase en conservar e empregar de forma sostible os océanos, os mares e os recursos mariños para o desenvolvemento sostenible. A meta 14.7 establece que para 2030 hai que aumentar os beneficios económicos que os pequenos estados insulares en vias de desenvolvemento e os países menos adiantados obteñen do uso sostible dos recursos mariños, en particular mediante a xestión sostible da pesca, a acuicultura e o turismo.

 

En resumo, o conxunto de políticas públicas deben envolverse nos ODS e adaptarse as súas recomendacións e estarán cada vez máis presentes en cada lei, plan ou proxecto. Adaptarnos a este marco debe ser unha obriga tanto para as administracións como para as empresas que lle damos apoio de modo que toca invertir tempo en estudiar e coñecer as fondo a Axenda 2030. Para facilitar este traballo existen unha serie de iniciativas que nos permiten coñecer con detalle as relacións dos ODS co sector turístico.

Nun primeiro momento a Organización Mundial do Turismo, OMT, editou un folleto chamado “La contribución del Turismo a los Objetivos de Desarrollo Sostenible (ODS)”

A OMT tamén desenvolveu un portal de referencia de obrigada visita para calquera persoa interesada nas relación entre o turismo, tourism4sgds.org. Un espacio de co-creación onde organismos públicos, organizacións internacionais, viaxeiros, empresas, centros educativos ou calquera persoa interesada pode atopar información e referencias sobre como acadar cada un dos 17 ODS dende o turismo.

Este portal aglutina experiencias e, curiosamente, a única que de momento atopamos en territorio español é unha historia sobre o rexurxir do Camiño de Santiago contada dende Santiago de Olveiroa en Dumbría.

Outra ferramenta de referencia é a “Guia para un turismo sostenible. Retos y criterios para la evaluación do turismo ante la agenda 2030”. Editada pola Red Española para el Desarrollo Sostenible e o  Instituto de Turismo Responsable. Este Instituto é pioneiro na materia e desenvolveu unha serie de certificados tanto para empresas como destinos de gran interese para facilitar a integración dos ODS nas políticas de desenvolvemento turístico.

guia turismo sostenible ODS autoxiro

A nivel de autonomías, a Comunitat  Valenciana foi pionera en publicar una guía de recomendaciones para aplicar los ODS en destinos turísticos.  

Con estas referencias básicas temos un punto de partida para coñecer a Axenda 2030 e as relacións co sector do turismo.  Así podemos estar en disposición de aportar de cara a unha nova necesidade que se presenta como unha gran oportunidade. Estamos ante unha nova liña de traballo, aínda en fase inicial, que presenta grandes expectativas de crecemento ao longo da década.

Máis ala do “postureo” e lucir o pin e necesario asumir a Axenda 2030 como propia e orientar as políticas de planificación e xestión de destinos turísticos dende unha visión integral e global. Unha visión que forma parte da filosofía de Autoxiro dende os inicios cun equipo cunha dilatada experiencia no campo do turismo sostible.

Foto de portada: “web sdg action campaign”