Desmontando os “xeodestinos” turísticos (parte 1)
Levo uns días dando voltas para escribir unha entrada sobre a aplicación do concepto de “xeodestino turístico” en Galicia. Falo de aplicación pois a base teórica parece válida así como a definición que atopamos na Lei de Turismo de Galicia:
Xeodestinos: “áreas ou os espazos xeográficos limítrofes que comparten unha homoxeneidade territorial baseada nos seus recursos turísticos naturais, patrimoniais e culturais, con capacidade para xerar fluxos turísticos e que, xunto á súa poboación, conforman unha identidade turística diferenciada e singular”
Unha definición clásica que se aproxima ao concepto de “comarca” e que se pode aplicar a outros fenómenos ou actividades asentadas nun territorio concreto. Pode ser útil para acoutar, clasificar e organizar as áreas onde a actividade turística se manifesta con maior intensidade.
O erro está na aplicación. Para ilustralo lembramos unha frase que empregou o presidente da Xunta de Galicia durante a presentación do famoso mapa cos 16 xeodestinos:
“cada recuncho desta terra engrandece o destino Galicia”
Unha frase bonita e moi adecuada para un discurso institucional, incluso para introducir un programa do estilo de “Desde Galicia para el Mundo” pero desacertada para utilizar nun proceso de ordenación territorial do turismo.
A realidade é exactamente a contraria. A configuración e atributos dun destino turístico dependen de pequenas porcións de territorio e dunha reducida lista de elementos relevantes. Por este motivo, nun mapa a escala galega, deberían aparecer áreas “en branco” plasmando o feito de que existen moitos concellos que non aportan practicamente nada ao sistema turístico.
Alguén non entendeu que elaborar o mapa dos destinos turísticos galegos e moi diferente de dividir un mapa de Galicia en xeodestinos. Para a primeira opción tenderiamos que empregar conceptos como produtos, accesibilidade, áreas de influencia, escalas, equipamentos, entes xestores, imaxe ou actividade complementaria entre outros.
A Xunta escolleu a segunda opción centrándose nos recursos a partir da premisa de abarcar o 100% do territorio. Con esta metodoloxía retrocedemos 30 ou 40 anos e temos como resultado un mapa discutible, que non foi consensuado e imposible de aplicar en boa parte do territorio. A inadecuada división, a ausencia de entes xestores locais e a propia falta de actividade turística son algunhas causas.
Do mesmo modo que a simple existencia de peixes no mar non te convirte nunha potencia pesqueira, contar con patrimonio, paisaxes ou boa gastronomía non é suficiente para ser un destino turístico. Para planificar hai que ter en conta a complexidade do sector e a súas múltiples manifestacións tanto económicas, como sociais e ambientais. Partir de visións parciais e criterios obsoletos converten unha boa idea en fracaso.
En resumo, a Secretaría Xeral de Turismo perdeu unha oportunidade para dotarse dunha ferramenta adecuada para desenvolver as tarefas de xestión e coordinación da actividade turística que ten encomendadas. Agardo que nesta nova etapa se poidan reconducir algúns procesos e aplicar outros métodos de traballo que permitan, entre todos, mellorar a competitividade de Galicia como destino turístico.
P.D. No seguinte vídeo atopades a descrición de cada un dos xeodestinos
Xirado dende a FBS (Francelos Business School)