As feiras van a menos. Fitur non é o que era. Internet fai que non teñan sentido. . . 

Comparto moitas das críticas ao modelo de feira tradicional pero sen dramatizar. É certo que están anticuadas, que os gastos son desorbitados e sobra moita vaidade e narcisismo. A actividade “profesional” está moi diluída e os obxectivos tampouco están claros pero, a pesar de todo, estamos ante un evento único que agardo impacientemente.

Pode que á volta, cando fagamos balance, teña que escribir os “catro grandes motivos para non volver” pero a miña última experiencia, en Fitur 2012, foi moi satisfactoria.

O máis importante para sacar partido desta viaxe é saber a que se vai. A dimensión e formato da feira dificultan a actividade comercial e imposibilitan o éxito de calquera intento de acción promocional. Presentar algo entre amigos para acadar repercusión na prensa local non compensa así que mellor non malgastar esforzos en algo que non funciona.

Ir lixeiro de equipaxe é outra clave. Nin stand, nin azafatas, nin pinchos nin gastos innecesarios. Recomendo participar como co-expositor con Turgalicia para asegurar a visibilidade do destino cun custe mínimo.

Con estas premisas podemos adicar o 100% do tempo a coñecer xente, facer contactos, escoitar propostas, tirar fotos, twittear, saudar a vellos amigos e participar en talleres, eventos ou conferencias. Hai moitos máis pero os meus catro grandes motivos para ir a Fitur son:

1. Reunirse con socios e colaboradores.

Pasamos o tempo falando por mail, twitter, whatsapp e tamén por teléfono pero os proxectos ganas un “plus” cando é posible o contacto cara a cara. En Fitur poñereime ao día de como van as “Rutas do Viño”, o club de produto “Saborea España” ou a rede de “Cidades Ave”. Falarei coas empresas e institucións que axudan á comercialización e promoción de Ourense e tentaremos madurar vellas e novas propostas. Este contacto humaniza os proxectos, mellora os resultados e facilita a resolución de posibles problemas futuros.

2. Aprehender

Nun folleto, nunha presentación, nunha tarxeta de visita ou na decoración dun stand podes atopar unha idea nova. As posibilidades de aprehender son infinitas tomando un café cun consultor, cun blogger ou cun axente de viaxes. Incluso podes atopar a inspiración paseando entre stands “horteras”, xente disfrazada, vellos (e non tan vellos) ao asalto de mostradores e  degustacións de caipirinhas. Estarei tres días na feira e espero anotar miles de ideas para aplicar na web, na oficina, nos folletos, nos eventos gastronómicos ou para trasladar a algún restaurador ou hoteleiro local.

3. Compartir con outros profesionais do turismo de Galicia.

Tamén cos do resto do mundo pero Fitur é o único momento do ano onde coincido con colegas de outros destinos e organismos turísticos galegos. Aínda que sexa fugazmente espero saudar e intercambiar algunha impresión coa xente de A Coruña, Ferrol, Sanxenxo ou Santiago de Compostela entre outros. É raro, pero ninguén en Galicia se preocupou (ou preocupamos) de crear un foro onde compartir as problemáticas e retos do sector. Agardo que a asociación recentemente constituída Proturga contribúa a cubrir parte dese oco .

4. Cargar pilas

Fisicamente a feira é esgotadora. Non tanto como pasar o día podando unha viña pero a moqueta e tantas horas de pé, falando sen parar, acaban comigo. Este desgaste físico queda de sobra compensado co nivel de actividade cerebral que provoca saír uns días da oficina, cambiar de aires e intercambiar ideas con tanta xente comprometida e ilusionada cos seus proxectos. Volves canso pero cargado de solucións para afrontar con ánimo o traballo pendente dos seguintes meses.

En resumo, vou a Fitur para facer networking e relacións públicas. Ti a que vas?

Xirando dende a Francelos Business School (FBS)