O pasado venres, 27 de setembro asistimos á presentación en Ferrol a nova Estratexia de Turismo Galicia 2030, unha folla de ruta para os próximos seis anos elaborada pola Xunta de Galicia en colaboración co Clúster do Turismo de Galicia. Esta estratexia ten como obxectivo principal promover un turismo auténtico e sostible, coa hospitalidade como un dos piares fundamentais, e que beneficie a todo o territorio galego. Contempla un investimento de máis de 1.000 millóns de euros.

O proceso de creación desta estratexia partiu dun diagnóstico amplo, no que participaron máis de 1.000 profesionais do sector a través de diversos grupos de traballo. Os seus obxectivos prioritarios inclúen o impulso do turismo sostible, o crecemento en áreas onde máis se necesita, e unha aposta clara polo turismo no rural e no litoral, promovendo así un turismo desestacionalizado e internacional que fomente a convivencia harmoniosa coas comunidades locais.

A Estratexia de Turismo Galicia 2030 articúlase arredor de 64 medidas e 8 misións principais, que inclúen:

  1. Promover Galicia como un destino auténtico e diferencial.
  2. Apostar pola sustentabilidade integral, tanto a nivel ambiental como social.
  3. Impulsar a promoción, comercialización, desestacionalización e internacionalización do destino.
  4. Mellorar a rendibilidade e competitividade empresarial no sector.
  5. Favorecer a mobilidade, conectividade turística e o reequilibrio territorial.
  6. Fortalecer o goberno do destino mediante unha xestión eficiente.
  7. Incorporar a intelixencia turística e fomentar a transformación dixital.
  8. Apostar polo capital humano e a retención de talento no sector turístico.

Entre as medidas destaca a inversión dun terzo do orzamento en accións vinculadas á sustentabilidade ambiental e social, co fin de fomentar unha relación positiva e beneficiosa entre veciños e turistas. Así mesmo, promoverase o uso de medios de transporte sustentables, como a bicicleta ou as rutas a pé, e apoiarase a mobilidade eléctrica para conectar os grandes nodos de transporte cos principais recursos turísticos.

Ademais, seguiranse potenciando sectores clave como o termalismo, o turismo enogastronómico e o turismo de congresos, reforzando o atractivo de Galicia a nivel nacional e internacional. Outro punto clave desta estratexia é a relevancia que terá o Xacobeo 2027, que se prevé como un evento central no desenvolvemento turístico dos próximos anos, co obxectivo de que sexa novamente un éxito.

En definitiva, a Estratexia de Turismo de Galicia 2030 busca reforzar o posicionamento de Galicia como un destino turístico sostible e auténtico, xerando riqueza en todo o territorio e apostando pola hospitalidade como un dos sinais de identidade de Galicia.