Reservo un espazo no Autoxiro para contar algunha que outra experiencia viaxeira. Non serán crónicas nin consellos prácticos. Prefiro falar de situacións pouco convencionais, lugares cargados de simbolismo ou momentos que lembro dun modo especial.

Nalgunhas viaxes empregamos a formúla de: (1) seleccionar un destino, (2) comprar un billete de avión e (3) improvisar. Un formato emocionante pero pouco recomendable se es unha persoa que necesita ter todo baixo control. Esta falta de planificación provoca que pases por alto moitas cousas dos lugares que visitas pero tamén permite vivir grandes momentos amplificados polo factor sorpresa.

Hai uns anos decidimos dar unha volta pola costa de Croacia. Nada máis chegar lamentamos non ter prestado algo de atención aos horarios de ferries e catamaráns e ao grao de masificación dalgún lugar. En consecuencia, pasamos varias noites sen atopar aloxamento. Os nosos ósos acabaron tirados na cuberta dun barco, no atrio dunha ermida, nun banco dun paseo marítimo e nun parque sobre o Adriático. Non era a primeira vez que pasabamos por esta incómoda e potencialmente perigosa situación e sabiamos que era un dos prezos a pagar por viaxar desta maneira. Nestes casos o recomendable é non lamentarse e aplicar o devandito de “malo será”.

En contrapartida polas malas noites (realmente unhas poucas horas), pola dor de costas e polas dentadas dalgún bicho puidemos gozar duns amenceres máxicos que quedaron gravados para sempre na miña memoria. Madrugadoras e silenciosas estampas de Split, Hvar, Korcula ou Dubrovnik dende emprazamentos que nunca atoparedes nunha guía no apartado “onde durmir”.

Se non organizades minimamente a viaxe podedes rematar durmindo en sitios como estes:

Hvar

No atrio dunha ermida na ladeira dun monte.

Ferrie Split

Na cuberta dun barco navegando polo Adriático entre Ancona e Split. Nós durmimos no chan pero coincidimos con xente moito máis experimentada.

korcula

Na Illa de Korcula o albergue estaba ata os topes. Apenas durmimos pero “acampamos” unhas horas neste banco.

Con algo menos de ruído e vibracións, a cuberta do barco sería un lugar agradable para durmir. Os demais son horribles. Un problema engadido é que sempre chegamos coa noite avanzada de modo que ata o amencer non tiñamos a certeza do que nos rodeaba. Ao saír o sol, en canto asomamos a cabeza polo saco,  atopamos este catro magníficas vistas.

spit

1. Despois de pasar a noite navegando polo Adriático avistamos a cidade de Split e a torre do famoso “Palacio de Diocleciano”

hvar

2. Amencer en Harv coas illas Pakleni de fondo. Sen palabras.

amanecer korcula

3. As cinco da mañá era de día en Korcula. O fermoso perfil desta cidade e a proximidade do mar axudaron a esquecer a mala noite pasada.

dubrovnik

4. En Dubrovnik gozamos de case as mesmas vistas que o Adriatic Luxury Hotel Grand Villa Argentina pero moito máis incómodas e baratas.

Conclusión: Unha viaxe é unha ocasión perfecta para sacar sempre algo positivo de cada situación. Cando atopes un imprevisto, reláxache e non permitas que o abafo ou mal humor impidan gozar da maxia que esconde unha flor, unha posta de sol, unha conversación e, neste caso, un amencer.

P.D. Como nos anuncios, estas escenas foron rodadas por “profesionais” en situación controlada e formaban parte dunha viaxe “experimental”. Non tenten durmir ao aire libre nun país descoñecido sen ser plenamente consciente dos riscos que asume. Recomendo pasar a noite en aloxamentos de confianza para asegurar unha boa experiencia evitando perigos innecesarios. De paso, contribuirá ao mantemento da economía local e a mellorar a calidade de vida dos seus habitantes.

Xirado dende Ourense.